Riscos globais, Circularidade en retroceso e o Reloxo da Apocalipse

Desde o foro de Davos, o informe de riscos globais. Estamos realmente avanzando cara a unha economía circular e sostible? - Por Miguel Varela, CEO de TEIMAS.

This is some text inside of a div block.

Este ano 2023 que acabamos de estrear como quen di parece que segue o ritmo destes tolos anos 20 canto menos turbulentos. En apenas tres semanas, temos varias noticias negativas nas que a sustentabilidade ambiental é un elemento común.

Desde o foro de Davos, o informe de riscos globais.

Un clásico de comezos de ano, o Foro Económico Mundial que xunta a líderes políticos, culturais e económicos na cidade suíza de Davos. No marco deste encontro preséntase o informe de riscos globais, Global Risk Report , onde miles de expertas e expertos achegan a súa visión en relación aos principais riscos aos que nos enfrontamos como sociedade.

Esta edición, a número 18, está moi influenciada pola resaca post-covid e, como non podía ser doutra maneira, pola guerra de Ucraína e a inflación provocada en gran medida polos problemas de subministración enerxética e de materias primas resultado das tensións xeopolíticas.

Independentemente destas circunstancias, os expertos conclúen que a maior parte dos perigos que afrontamos están directamente relacionados con aspectos ambientais. Eventos climatolóxicos extremos, catástrofes naturais, a perda da biodiversidade, as crises derivadas do acceso aos recursos naturais ou os erros á hora de mitigar o quecemento global son os principais axitadores tanto a curto como a medio prazo.    

Estamos realmente avanzando cara a unha economía circular e sostible?

E se seguimos falando de informes de xaneiro, hai que mencionar o Circularity Gap Report que promove Circle Economy, unha organización de impacto dedicada a acelerar a transición á economía circular.

A principal conclusión é canto menos sorprendente: apenas o 7% da economía global é circular... e baixando! Nos últimos anos o índice de circularidade mundial reduciuse de 9,1% (2018) a 7,2% (2023). Isto significa que máis do 90% dos produtos e os materiais que utilizamos desperdícianse e desaparecen do fluxo económico. Isto implica tamén que cada vez necesitamos extraer máis materias primas do planeta...  

Extraer máis materiais non implica en absoluto mellorar as condicións de vida. O modelo económico lineal, baseado en usar e tirar, esquilma os recursos naturais, ameaza a biodiversidade, contamina augas e chans e afecta á saúde das persoas, directa e indirectamente en forma de emisións de gases de efecto invernadoiro que aumentan a temperatura da Terra.  

Mentres os focos están postos no consumo enerxético, conseguir os obxectivos climáticos pasa por prestar atención ao 45% das emisións totais asociadas co ciclo de vida dos produtos (extracción, fabricación, uso e disposición final). A aplicación da economía circular pode reducir en máis dun terzo a extracción de materias primas e nun 45% as emisións derivadas da fabricación de produtos.

90 segundos para a medianoite.

E para completar o trío, o elemento máis perturbador e fotoxénico: o Doomsday Clock, reloxo da apocalipse, sitúase máis preto da medianoite que nunca. O reloxo creado a finais dos anos corenta para alertar á sociedade sobre os perigos das armas nucleares, cambia de hora anualmente achegándose ou afastándose da medianoite segundo a posibilidade de chegar a un punto de non retorno resultado dunha catástrofe sanitaria, nuclear ou ambiental.

O consello de científicos situou este ano as agullas do reloxo a 90 segundos da medianoite, o máis preto que estivo nos seus 75 anos de historia, debido principalmente á invasión rusa de Ucraína e aos efectos do cambio climático.

Estamos de acordo en que non son as noticias máis esperanzadoras para comezar o ano pero é importante que nos sirvan de reflexión e toma de conciencia sobre o mundo que queremos, quizais non tanto para nós se non para as xeracións futuras. Un longo camiño que aínda está por percorrer.

Data
25/1/23
Categoría
Normativa
Etiquetas
Compartir en
NOTICIAS

Subscribirse á newsletter

Queres recibir as nosas noticias na túa bandeixa de entrada?